Wednesday 15 de May de 2024

Gonzalo Muíños sobre a ausencia de Sanmartín ao Voto pola Cidade de San Roque: “cando alguén asume un cargo público ten que asumilo con todas as consecuencias, aínda que non coincidan co seu ideario político”


 

O portavoz dos socialistas explica que a invocación a San Roque trátase dunha cerimonia con máis de 500 anos de historia e ten a súa orixe nun acordo “entre os responsables municipais, rexedores e Cabildo” logo de que unha epidemia de peste azoutara Compostela.
Muíños aféalle á alcaldesa que non asuma o seu papel de representatividade “de todas e todos” como “si entenderon os seus predecesores”.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2023. Logo do plantón do goberno local ao acto institucional máis importante da cidade de Santiago e, seguramente, dos máis importantes de Galicia, a Ofrenda ao Apóstolo; Goretti Sanmartín anunciou nos últimos días a súa intención de non acudir ao Voto pola Cidade que cada 16 de agosto se celebra na capela de San Roque. Para os socialistas unha nova actuación coa que “a señora Sanmartín segue negándolle a representación a unha gran parte das veciñas e veciños de Santiago que lles gustaría ver á máxima autoridade da cidade nun acto que transcende o relixioso” explica o seu portavoz.

Gonzalo Muíños que insiste no compoñente “cultural e de tradición” do acto do Voto pola Cidade que se remonta ao século XVI cando os responsables municipais, rexedores e Cabildo, acordaron invocar a San Roque e levantar unha capela no seu nome logo de que unha epidemia de peste azoutara Compostela: “O que se fai neste acto é lembrar a nosa historia e dar cumprimento a ese acordo de hai máis de 500 anos. Estamos ante un acto no que lembramos de onde vimos, rememoramos unha parte da nosa historia” recalca Muíños.

Así os socialistas entenden que a alcaldesa debera “deixar a un lado as súas crenzas, poñendo por diante a vontade popular”, insistindo na idea da representatividade: “unha alcaldesa debe representar a todas e todos, á xente practicante, á crente e non practicante e á xente que non o é”.

Neste sentido, Gonzalo Muíños recorda que isto é algo “que entenderon perfectamente os seus predecesores”, recordando que outros membros do BNG, cando tiveron responsabilidades de goberno, si acudiron ao acto, ao igual que á ofrenda do Apóstolo.

“Aquí non importa que asista Goretti Sanmartín ou non, importa que asista a alcaldesa de Santiago, porque cando alguén asume un cargo público ten que asumir todas as consecuencias e funcións que comportan o seu papel institucional, aínda que non coincidan co seu ideario político” explica Gonzalo Muíños que asegura ademais que “desde o Grupo Municipal Socialista facémolo, e por iso alí estaremos, como cada 16 de agosto”.